Friday 03 de May de 2024

O Concello de Lousame saca a licitación obras de mellora de estradas e accesos a núcleos de poboación por case 260.000 euros


O prazo de presentación está aberto ata o 9 e o 16 de novembro

O Concello de Lousame ten nestes momentos en fase de licitación un total de catro proxectos de mellora de estradas e accesos a núcleos rurais do municipio por un importe base de licitación de 259.233,29 euros. Catro proxectos correspondentes aos Plans de Obras e Servizos de 2019 e 2020 cuxo prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 9 de novembro, coa excepción dos accesos a Comparada e unha pavimentación en Bargo, que estará aberto ata o 16 deste mesmo mes.
O proxecto cuantitativamente máis importante son os 123.999,73 euros da licitación do proxecto “Pavimentación de viarios en Béxeres e outros”, incluído no POS+2019 e que abrangue catro actuacións. A obra que dá nome ao proxecto inclúe a pavimentación con aglomerado de catro treitos dunha estrada en Béxeres, así como tres abanicos de 265 m 2 , previa reparación de fochancas, construción de dous muros para contención de terras e habilitación dun pozo de rexistro e 5 arquetas con sumidoiro para a recollida de pluviais.
A maiores pavimentarase un camiño de 490 metros de longo por catro de ancho entre A Silva e a estrada de Seoane; así como o aglomerado en quente dun camiño entre a estrada provincial CP-4201 e as instalacións do Clube de Xubilados, pechadas na actualidade por mor da situación da Covid-19. Unha actuación sobre 865 metros de camiño nos que se executarán 225 m 2 de sobreanchos e se adaptarán os pozos e arquetas de recollida de pluviais á nova rasante da estrada. Finalmente, o proxecto inclúe a pavimentación con aglomerado en quente dos accesos a Vilar de Reconco, dividido en dous treitos de 145 metros, previa reparación de fochancas.
POS 2020
Así mesmo, o Concello de Lousame sacou a licitación tres proxectos incluídos no POS+2020. Así, licita por 54.904,5 euros as obras de reparación de fochancas e pavimentación con aglomerado en quente de dous tramos de 890 metros dun camiño entre Vilacoba e Vilar de Reconco. O segundo proxecto, de 48.678,87 euros, inclúe a mellora do acceso á aldea de Pousada desde a estrada Portobravo-Tállara, así como a reparación dun pequeno camiño transversal en Merelle (Tállara).
Finalmente, licítase por 31.760,19 euros a mellora con aglomerado en quente dunha pista de 440 metros de acceso á localidade de Comparada, con 125 m 2 de sobreanchos, así como a pavimentación de cinco treitos en Bargo, que suman unha superficie de 286 m 2 . Esta é a única licitación aberta ata o 16 de novembro, xa que as outras tres pecharanse o vindeiro 9 de novembro.